xoves, 19 de xaneiro de 2012

Un venres 13 nada desafortunado



Home, xa sei que para moitos alumnos unha mesa chea de profes e similares pode soar un pouco terrorífica ; ), pero nós, que non somos nada supersticiosos, escollemos esa data para celebrar a segunda cea do curso e conxurar todo tipo de malos augurios. Aínda que, ben pensado, pode que tamén sufriramos algunha que outra pequena “maldición”: a ausencia (só física, por suposto) da nosa Lectora Maior, por exemplo. Ou o desgraciado incidente da cámara de fotos, que nos impide ilustrar debidamente esta entrada. Pois vai ser que a sorte si existe.
.
De sorte, fortunas, infortunios e casualidades, precisamente, gústalle moito escribir a un dos autores elixidos, Paul Auster. Tal vez iso, combinado con esa persoal forma de escribir súa, sexa un dos factores que fai que os seus libros nunca decepcionen, aínda que a frecuencia coa que publica podería facer esperar unha maior irregularidade. Sunset Park tampouco o fixo, e, aínda que en diferentes grados (como non podía ser menos), recibiu dende simples aprobacións ata defensas entusiastas.
O mesmo se pode dicir da outra obra proposta, 84 Charing Cross Road, de Helene Hanff. A  algúns gustoulles moito, a outros bastante e mesmo houbo algunha que “nin fu nin fa”, pero todos conseguiron atopar algo interesante que comentar.
.
Iso si, tamén hai que recoñecer que moitos de nós chegamos á cea cun só libro lido. Tamén os profes, ás veces, se conforman cun simple aprobado. Pero non llo contedes a ninguén!
.
A próxima cita será a mediodía porque pensamos trasladarnos a Ponteareas, esa terra onde ninguén quere ser morcego. Leremos, esta vez, outras dúas novelas: a primeira é In vino veritas, de Francisco Castro, unha divertida parodia das novelas policiais, novela “furiosa”, novela de amor, crítica dos medios de comunicación, en palabras do seu propio autor, que podes escoitar neste vídeo
.
E estoutro vídeo é o que terás que ver se queres saber algo da segunda das novelas elixidas. Xa que vai de suspense…
.


Que? Estades impacientes por empezar a ler? Xa empezastes? Non sei, pero algo me di que estas dúas obras van dar moito que falar. 
A por elas!