venres, 21 de decembro de 2012

Mirando para o futuro

Disque dixeron os maias que hoxe se acaba o mundo. 
Serán os maias os inventores da ciencia- ficción? Agardamos que si! Mais que nada, por que todo quede en "ficción".

En calquera caso, o cambio de ano é unha boa época para mirar ao futuro. E, naturalmente, iso, como case todo, tamén se pode facer dende os libros. Certo é que moitos dos libros de ciencia-ficción non ofrecen precisamente unha visión moi esperanzadora sobre o futuro, probablemente para alertarnos sobre algunhas cousas que estamos a facer mal no presente que nos leva a el. Por exemplo, Ray Bradbury, na novela Farenheit 451, nos advirte do que pasaría nun mundo sen libros. Un mundo que non queremos para nada, non? En 1966 François Truffaut fixo unha película sobre este libro.  
En calquera caso, máis alá das reflexións que poidamos tirar delas, as historias de ciencia-ficción desbordan imaxinación e lévannos a uns mundos aos que só podemos acceder a través delas.

Se queres saber máis sobre este xénero, podes botarlle un ollo a estas dúas presentacións:




E agora, xa que o mundo non se acaba... a ler!


xoves, 6 de decembro de 2012

Segunda cea de profes

Como xa adiantábamos no post anterior, o venres pasado algúns profes, exprofes e extraballadores do Instituto que formamos parte do Club celebramos a nosa segunda xuntanza do ano.

E, esta vez, con fotos! Aínda que a cámara non era precisamente profesional, contabamos cun fotógrafo de excepción, que xa coñecestes nestoutra entrada, e que é quen de sacarnos así de guapas mesmo cun simple teléfono. 


Na reunión anterior acordaramos ler dous libros, sen ter en conta que eran os dous bastante longos e que o principio de curso nos quita moito tempo a todos, así que moitos de nós non chegamos a ler (ou a rematar, segundo os casos), o máis longo dos dous, Laura no deserto, de Antón Riveiro Coello. Pero, como temos unhas referencias excepcionais sobre esta novela, non nos resignamos a deixala pasar, así que decidimos repetir título e propoñela para a próxima cea, que terá lugar a finais de xaneiro.


A outra das novelas era Lágrimas en la lluvia, de Rosa Montero, unha obra que nos gustou, e moito, a todos. Nada sorprendente, tendo en conta que a novela ten case de todo: fantasía, pero tamén agudas reflexións sobre a realidade; un espacio e un tempo recoñecibles e ao mesmo tempo cheos de detalles imaxinativos; personaxes ben construidos que, sen deixar de ter unha personalidade complexa, poden suxerir reflexións sobre cuestións xerais como a vida e a morte, a memoria e a identidade, as relacións persoais...; acción e intriga entremezclada con sentimentos de todo tipo; unha linguaxe fluida e cercana que ao mesmo tempo deixa caer sentencias e citas que dan ganas de anotar... E todo iso, sen resultar barroca nin cargante, máis ben ao contrario, é unha lectura amena na que non sobra ningunha das máis de catrocentas páxinas. En fin, algúns alumnos e alumnas teredes ocasión de comprobar todo isto na lectura que faremos para as tertulias do Liceo. A ver se ten entre vos tanto éxito coma entre os adultos! 

Tamén recordamos, como non!, a película na que moitos de nós coñecimos aos "replicantes", que algunhas das participantes aproveitamos para volver a ver. Falamos tamén de nós, naturalmente, porque xa non nos vemos todos os días no Insti... e de libros, das nosas lecturas individuais e de propostas para a vindeira cea. 
Resultaron elexidos:


... e quedamos en volvernos ver a finais de xaneiro para comentalos (alguén podería animarse e ir adiantando algún que outro comentario aquí ou na wiki, tamén).