xoves, 20 de outubro de 2016

ELENA FERRANTE, BOB DYLAN E DICKER

Hai que recoñecer que a nosa primeira cea do curso foi un tanto caótica...iso que só estabamos oito. Facía moito tempo que non nos viamos e arrancar a falar de libros levou toda a comida...pero logo animouse a cousa. Nótase que ninguén levaba preparado guión previo porque saltabamos dun libro ao outro de maneira anárquica.
Quedoume a sensación de que non afondamos moito en La amiga estupenda de Elena Ferrante. O que menos tempo levou foi o manido tema do pseudónimo: técnica editorial, técnica literaria, respecto á decisión do anonimato... Pasamos rápido por estas cuestións. Tamén demasiado rápido, para min, pola relación entre as dúas mulleres, Lila e Nanú, caracterizada como amizade. Gustaríame ter falado máis do concepto da amizade que se ve na novela, pois non estabamos moi de acordo e quedou no aire. Asociouse co cine do neorrealismo italiano e todas vimos claro ese retrato de Nápoles en branco e negro. Tamén se falou da súa linguaxe, no que eu (sinceramente) non reparei moito. En xeral, paréceme  que gustou pero tampouco entusiasmou, nin foi considerada un referente, unha das voces “máis sólidas de literatura italiana”como se está a dicir nos círculos lectores. Insisto que como reinou un pouco o caos ao mellor non recollo algunha visión. Así que,  xa sabedes, podedes seguir coa charla nos comentarios desta entrada.
Máis por riba pasamos por El libro de los Baltimore de Jöel Dicker, para case todo o grupo trátase dun guión cinematográfico. A rememoración da vida da  familia do escritor protagonista  e o seu “maldito drama”, parecendo excesivo esa continuada alusión  e un acerto saber plasmar as  diferentes emocións e visións  que se poden  ter unha mesma realidade . É certo que non é de difícil lectura aínda que poderíamos esperar que fora de tipo detectivesco como  o de La verdad sobre el caso...este primeiro tivo máis aceptación.  Vamos,  que tivo  defensores e detractores da súa lectura, pero sen moito convencemento.  Eu quedei con este parágrafo do libro : “Los libros son más fuertes que la vida. Son testigos de la muralla inexpugnable de nuestra mente, de la impenetrable belleza de nuestra memoria”

E por último, o café posterior deu para mooooito. Bob Dylan á palestra... ufff.  Podería facer outra entrada. Rir rimos un cacho, con aposta incluída. Non hai acordo e si hai moito descoñecemento da súa obra  literaria eso si gracias aos nosos tres músicos/as tivemos unha boa aproximación á súa importancia musical.  Saíron moitísimos temas: os límites da música e a poesía,   valoración do nomeamento, quen pode merecelo máis, a súa actitude... Quedou todo moi no aire, así que para a próxima cea cada un ten  que levar un poema de Bob Dylan. A ver que sae.

E falando da próxima cea, temos xa data: o 7 de decembro, mércores. Conseguiremos mantela?  E libro: O sol do verán de Carlos Casares. Tamén hai que levar un libro para regalar. A miña indecisión e máis eu xa estamos a sufrir por este último acordo. 

Ningún comentario:

Publicar un comentario