David Alvarez Failde, Marcos García Fernández, Gabriel González Carbajo, RodrigoTorres Cambronero (de 1º ESO A), Iago Fernández Martínez E Iago Sousa Rodríguez (de 1º ESO B) volvéronse reunir con Sonia (profe de Tecnoloxía), durante uns cantos recreos dos martes, para comentar unha nova lectura. Esta vez o libro estaba en galego: tratábase de Proxecto Pomba Dourada, de Miguel Vázquez Freire. Coa historia que se conta nese libro viaxaron por unha Galicia do futuro, chea de personaxes un pouco... en fin... non sei... Vaia, deixemos que sexan os propios lectores os que nolos describan.
Nada máis comezar o libro, coñeceron ao inspector Lesoto, e buscaron unha imaxe coa que comparalo. Pero o inspector, en opinión dos xóvenes tertulianos, non se parece ao inspector Clouseau.
Nin tampouco ao inspector Gadget.
Non. A quen máis se parece, din estes rapaces, é a Fred Jones, ao que todos tedes visto na serie Scooby Doo. Segundo un dos membros do club, Lesoto parécese a Fred porque “é alto, forte e cos ollos claros, non fuma nin bebe e ten as condicións físicas de deportista.”
Pero o protagonista non é Lesoto, senón un rapaz chamado Arno, ao que Gabriel e Iago describen así: Arno ten o pelo moi curto e de pincho. É alto e moi listo. Leva pantalón curto e camiseta curta. / Arno é un neno duns doce anos que vai con chándal e deportivas. Ten un carácter aventureiro e fai amigos rapidamente.
Xunto a Arno, axudándolle a chegar a Fisterra para entregarlle ao Mestre Cego o proxecto ao que alude o título, viaxarán os Borrallas, uns personaxes que, polas descripcións e debuxos deste grupo de lectores (que podedes ler e ver a continuación), deben ser ben curiosos!
O xigante é forte, non é moi listo. Tén a cabeza redonda con bigotes longos./ É un home que vai de pantalón e xersei curtos, é pouco listo e moi atlético.
A nena é loira, bastante alta, delgada e vai vestida cun longo vestido / A rapaza é delgada, pelo loiro e cabeza cadrada. Viste roupa negra e un gorro estrambótico
O rapaz inválido ten o pelo rizo e gafas de cu de botella. Anda en cadeira de rodas. O coxo é un home feo, baixo e viste roupa vella. Fáltanlle dentes, e os que aínda ten están negros de porquería.
Este peculiar grupo coñecerá a máis personaxes, coma uns piratas ou uns peregrinos que nos describen así: Os peregrinos tiñan túnicas moradas. Eran algo raros, e levaban un pau cunha cabaza enriba e coa típica cuncha de Santiago de Compostela.
Con todos estes comentarios, xa vos podedes imaxinar que o libro está cheo de sorpresas, misterios, viaxes e aventuras. Sonia e os seus rapaces só lle atoparon unha pequena pega: non lles gustou o final. Pero, para un grupiño tan espelido e creativo, iso non foi problema. Decidiron cambiarllo e inventar eles o final que lles gustaría ter lido. Este foi o que máis nos gustou, por iso volo deixamos aquí para que poidades comparalo co orixinal. A vos tamén vos gusta máis?
Contádenolo nos comentarios. Isto ou calquer outro aspecto sobre o libro (hai rapaces doutros cursos que afirman telo lido tamén, pero non sabemos moi ben se crelos: a demostralo!)
Ningún comentario:
Publicar un comentario