luns, 13 de xuño de 2011

Cita de verán: recordatorio para profes e persoal non docente




O GAÑADOR
Ou entendín mal ou escoitei mal o nome da última lectura que decidimos para a volta: copiei “El jinete ruso”   pero polo que contou Amalia coincide con El frente ruso, de Jean-Claude Lalumière, e ten moi boa pinta. Parece que é de humor pero á vez é unha crítica contra o sistema. Quen queira saber máis só ten que ver algunha crítica na rede ou entrevistas coma esta da TV2. Quen se animaba con el en francés?


RECOMENDACIÓNS PARA O VERÁN

Esta vez as recomendacións foron poucas e un pouco apuradas (claro, como que nos largaron do local, e que tedes un rollo!). Así que recollo aquí algunhas das recomendacións porque VOS LEMBRO que quedamos en ler o de Lalumiere e escoller outro libremente entre os recomendados:

- A pobre Chus quedou chascada porque non saíra adiante El juego del Ángel  de Carlos Ruiz Zafón.

- De novo saíu  El pájaro que da cuerda al mundo  de Murakami que recomendara Montse a anterior cea e que deixou con ganas a Paloma. Aínda que unha servidora prefería 1Q84.
 
- Tamén o intentei con Indignádevos de Hessel  e Reacciona de Jose Luis Sampedro e outros, pero non tiveron éxito.

- Creo que foi Amalia quen falou de El Chinoque vos recomendo moitisimo. Se antes me gustaba, moito máis despois de escoitar a Mankel en Santiago na entrega de premios que asistimos… (pero iso é outra historia)

- Sara (un dos topos doutro centro “Lagoa de Antela”) recomendou Persépolis. Sería unha boísima maneira de entrar na novela gráfica. Preguntarei a María de Allariz se podemos conseguir algúns volumes.

- Creo que Begoña recomendou... Vaia, non nos acordamos! Menos mal que temos os comentarios para que ela mesma nolo recorde! 

- E non sei quen inclinouse por  El Cementerio de Praga, a última de Eco. 



Había máis pero é dos que me lembro, estaría moi ben que vós  mesmos os engradírades nos comentarios, aínda que non saíra na cea ou aínda que faltárades (estamos escasos de lecturas en galego para este verán ; ) ) 
Coa anterior entrada, os maiores do club, persoal docente e non docente, se convertiron, en só un ou dous días,  nos participantes máis activos do blog (que non decaiga!)

venres, 10 de xuño de 2011

Proxecto Pomba Dourada

David Alvarez Failde, Marcos García Fernández, Gabriel González Carbajo, RodrigoTorres Cambronero (de 1º ESO A), Iago Fernández Martínez E Iago Sousa Rodríguez (de 1º ESO B) volvéronse reunir con Sonia (profe de Tecnoloxía),  durante uns cantos recreos dos martes, para comentar unha nova lectura. Esta vez o libro estaba en galego: tratábase de Proxecto Pomba Dourada, de Miguel Vázquez Freire. Coa historia que se conta nese libro viaxaron por unha Galicia do futuro, chea de personaxes un pouco... en fin... non sei... Vaia, deixemos que sexan os propios lectores os que nolos describan.


Nada máis comezar o libro, coñeceron ao inspector Lesoto, e buscaron unha imaxe coa que comparalo. Pero o inspector, en opinión dos xóvenes tertulianos, non se parece ao inspector Clouseau.

Nin tampouco ao inspector Gadget.


Non. A quen máis se parece, din estes rapaces, é a Fred Jones, ao que todos tedes visto na serie Scooby Doo. Segundo un dos membros do club, Lesoto parécese a Fred porque “é alto, forte e cos ollos claros, non fuma nin bebe e ten as condicións físicas de deportista.”



Pero o protagonista non é Lesoto, senón un rapaz chamado Arno, ao que Gabriel e Iago describen así: Arno ten o pelo moi curto e de pincho. É alto e moi listo. Leva pantalón curto e camiseta curta. / Arno é un neno duns doce anos que vai con chándal e deportivas. Ten un carácter aventureiro e fai amigos rapidamente. 


Xunto a Arno, axudándolle a chegar a Fisterra para entregarlle ao Mestre Cego o proxecto ao que alude o título, viaxarán os Borrallas, uns personaxes que, polas descripcións e debuxos deste grupo de lectores (que podedes ler e ver a continuación), deben ser ben curiosos!

O xigante é forte, non é moi listo. Tén a cabeza redonda con bigotes longos./ É un home que vai de pantalón e xersei curtos, é pouco listo e moi atlético.
A nena é loira, bastante alta, delgada e vai vestida cun longo vestido / A rapaza é delgada, pelo loiro e cabeza cadrada. Viste roupa negra e un gorro estrambótico
O rapaz inválido ten o pelo rizo e gafas de cu de botella. Anda en cadeira de rodas. O coxo é un home feo, baixo e viste roupa vella. Fáltanlle dentes, e os que aínda ten están negros de porquería.

Este peculiar grupo coñecerá a máis personaxes, coma uns piratas ou uns peregrinos que nos describen así: Os peregrinos tiñan túnicas moradas. Eran algo raros, e levaban un pau cunha cabaza enriba e coa típica cuncha de Santiago de Compostela.




Con todos estes comentarios, xa vos podedes imaxinar que o libro está cheo de sorpresas, misterios, viaxes e aventuras. Sonia e os seus rapaces só lle atoparon unha pequena pega: non lles gustou o final. Pero, para un grupiño tan espelido e creativo, iso non foi problema. Decidiron cambiarllo e inventar eles o final que lles gustaría ter lido. Este foi o que máis nos gustou, por iso volo deixamos aquí para que poidades comparalo co orixinal. A vos tamén vos gusta máis? 


Contádenolo nos comentarios. Isto ou calquer outro aspecto sobre o libro (hai rapaces doutros cursos que afirman telo lido tamén, pero non sabemos moi ben se crelos: a demostralo!)

mércores, 1 de xuño de 2011

Os deberes dos profes


Lembrade que este venres, 3 de xuño, temos cea de profes.
Despois do lío da lectura, de se estaba ou non esgotado A concesión do teléfono, o cambio de lecturas e o final de curso, sei que hai alguén por aí que non ten un dos libros lidos pero espero que non faltedes. Hoxe no café alguén que xa está un pouco de baixón (é o que ten o fin de curso aos que traballan moito) dixo que non quere vir porque non sabe estar caladiña e se non leu o libro non pode falar tanto. Para iso está El Diario de Adán y Eva que ao ser pequeniño da tempo ata de repasalo. Váleche así, neniña?
En calquera caso, por se hai alguén que se anima a vir e non ten nada lido (por exemplo, as nosas magníficas colaboradoras Marosa e Sonia, que é impresionante o seu traballo cos rapaces) ten tamén a posibilidade de falar porque vou poñer uns poucos deberes.
Alá van:
-1º deber: A IMPORTANCIA DAS COUSAS (1ª PARTE). Tendes que levar calquera obxecto, que sexa importante para vós, co que vos identifiquedes ou que teña algún sentido na vosa vida, pasado, presente...Non o podedes ensinar a ninguén.
-2º deber: A IMPORTANCIA DAS COUSAS(2ª PARTE). Cada un ten que levar ben o caderniño de notas do club ou un papel e un boli. Cada un terá que asociar aos compañeiros/as cun obxecto determinado e logo... Xa o explicamos na sobremesa. Por agora ideo pensando (eu xa me estou a rir...)
-3º deber: A mellor frase de cada un dos libros que liches e o motivo (iso por agora, dos libros a ver se mañá ou o xoves pódovos entregar un guionciño)
-4º deber: Un poema a poder ser que fale ou da creación, ou de Deus (ou non Deus) ou de Adán e Eva, do valor dos obxectos, dos teléfonos...Admítense as creacións persoais.
-5º deber: Unha recomendación para o verán.
Estas son as miñas suxerencias PERO queda aberto para as vosas ideas.