luns, 31 de xaneiro de 2011

Sete mortes e dous encontros



O pasado venres tivemos a ocasión de encontrarnos, grazas ao Concello de Ourense, co autor de As sete mortes, o libro que dous días antes estivéramos comentando cos profes e alumnos doutros centros da cidade nas Tertulias do Liceo, actividade na que o noso centro participa por terceira vez.



Carlos Vila Sexto, un escritor de orixe ourensá que traballa como guionista en Madrid, falounos da súa adolescencia, das afeccións que lle levaron á literatura, dos seus estudos e da xestación da historia que os membros do club de 4º da ESO e 1º de BAC viñan de ler. Despois respondeu con amabilidade a moitas das cuestións que se nos plantexaran nas tertulias que compartimos a propósito da lectura.
Ao lermos o libro, case todos coincidíramos en que o ritmo e o estilo nos parecían moi axeitados para a súa adaptación ao cine. Carlos Vila Sexto  confirmounos que a historia foi primeiro un guión, elaborado para os seus estudos de audiovisuais na universidade de Pamplona. Inicialmente a historia baseábase nunha lenda europea, pero pronto o autor descubriu na tradición céltica de Galicia os ingredientes fundamentais que buscaba para a súa historia: fantasía, misterio, personaxes fascinantes, enigmas, profecías…


Falounos tamén doutras afeccións que tamén deixaron a súa pegada na obra, coma os videoxogos, e, por suposto, das súas preferencias literarias, que van dende clásicos da fantasia coma Michael Ende ata autores de best- sellers coma Stephen King. 



A combinación de todos eses elementos axudoulle a compoñer unha novela que atrapa ao lector dende a primeira á última páxina, e xa de paso axúdanos a descubrir que a nosa tradición e a nosa xeografía poden ser tan emocionantes, misteriosas e trepidantes coma calquera película, novela ou videoxogo estranxeiro.

Os participantes do noso centro á entrada do Liceo ourensán, onde se celebrou a Tertulia
 Máis fotos na páxina do centro, no Departamento de Normalización, coorganizador da actividade.

2 comentarios:

  1. Hola!
    Lín as sete mortes e gustoume moito. O escritor caeume moi ben xa que ten unha vida moi similar á nosa : lee comics, xoga a play, ve series que nos gustan.En xeral é un libro con moita accion,aventura y entretido.

    ResponderEliminar
  2. Ola a tod@s. Lin o libro das sete mortes e recoméndovolo a todo o mundo. Encantoume a forma de escribir do autor, a pesar de que o autor é algo "especial". Especial porque non é o prototipo de autor clásico, senon que este está "viciado" ás consolas e redes sociais. En serio, recoméndovolo a todo o mundo.

    ResponderEliminar