Está claro que é necesario que alguén tome as rendas deste blog porque non me dá o tempo para poder contar as actividades que facemos.
Este é un pequeno resumo do noso vivir a lectura neste trimestre:
Como xa diciamos noutra entrada, estivemos a preparar as tertulias literarias que este instituto comparte con outros institutos da provincia. o grupo de alumnos de 4º ESO e 1º de bacharelato, leron As horas roubadas, da escritora María Solar. O grupo de cuarto de ESO e primeiro de bacharelato prepararon a súa tertulia en reunións na biblioteca os luns despois de xantar. Falamos moito do amor en distintas etapas da vida, dos malos tratos, da violencia de xénero, das aparencias...Todo situado nese inicio da democracia que eles xa perciben como parte da historia e non como realidade. Certamente, encántanme estas xuntanzas, porque creo que é onde mellor podo chegar a coñecer aos meus alumnos e alumnas... a lectura, sempre a lectura que rompe muros e acerca xeracións.
O 1 de febreiro no salón nobre do Liceo de Ourense tiveron unha xuntanza coa escritora que ofreceu unha visión sobre a experiencia de escribir e aclarounos canto quixemos sobre As horas roubadas.
Ao día seguinte e debido ao gran número de participantes, dividimos os tertulianos en dúas salas. O noso instituto estivo con alumnado do IES Universidad Laboral, o IES As Lagoas e parte dos que viñan do IES Xulio Prieto Nespereira.
A tertulia estivo moi animada
E seguindo con XUNTANZAS, os nosos pequenos do club, de 1º de ESO, foron xantar e a falar de libros cos rapaces do IES Xulio Prieto Nespereira. Tendo en conta o éxito acadado o curso pasado, decidimos repetir libro, Heka, un viaje mágico a Egipto. Pilar leva de marabilla este grupo de novos rapaces que se xuntan todos os mércores no segundo recreo.
Pizzas e xogos compartidos
E premios de postre
Creo que quedaron con ganas de máis. Así que xa pensando como volver xuntar rapaces e libros.
E como este grupo é moi activo, xa están a ler o seguinte libro Chamádeme Simbad de Francisco Castro con Pilar.
Só espero que teña o mesmo éxito que tivo o curso pasado
Tamén o grupo de 2º e 3º seguiron lendo este trimestre. Tiñan ganas da segunda parte do que xa leran o curso anterior (Nunca seré tu héroe), así que tocou Héroe a mi pesar de María Menéndez Ponte. Tivemos algunhas xuntanzas os venres no segundo recreo, nas que cando aparecían uns non aparecían os outros, polo que de novo non quedou outro remedio que facer un almorzo un mércores a principios de marzo, na hora de titoría. O libro non tivo tanto éxito como o anterior, pero si que sacaron moito do que falar: amores, estudos, relacións pais-fillos, medos, nazismo...
Agora xa están esperando o seguinte libro, que vai para a Semana Santa.
O caso é que tamén meteuse polo medio o día mundial da poesía, o 21 de marzo e tanto os grupo de segundo e terceiro, como o grupo de primeiro deixaron aparcada a vergonza.
Os nosos alumnos de 2º e 3º escolleron poesías nun par de xuntanzas e despois, os nosos escribas e pintores fixeron "anuncios" para encher o aparcadoiro do Paco Paz e das inmediacións, os bares do entorno e o supermercado Día que temos ao lado. A verdade que hai que hai que ser todo un heroe para saír no recreo diante de todo o centro a poñer papeis nos coches. Pode que ler faga a xente doutra pasta.
A modo de anécdota, pola noite chegoume unha mensaxe dunha compañeira doutro centro que levara unha alegría inmensa ao atopar no seu parabrisas un poema e non unha nota por estar mal aparcada ou unha multa. Foi a constancia de que alegramos o día a alguén.
O grupo de primeiro tamén animouse a facer unha actividade, e buscaron poemas para compartir cos compañeiros do centro. A idea era regalar versos para que logo os subiran ás súas redes sociais. Así traballaron.
E así foi o resultado final
E como non podía ser menos, rematamos o trimestre coa cea de profes o día 31 de marzo. Mermadas as nosas liñas por viaxes e cansanzo trimestral, aínda así foi unha cea más que estupenda. Falamos dos libros que lidos Intemperie de Jesús Carrasco, que non deixou indiferente a ninguén. En xeral, sorprendeu e gustou moito pero tamén houbo quen non foi capaz de rematalo. Para que vos fagades unha idea, neste blog podedes ler algunhas das ideas que tamén saltaron na cea. E tamén posturas contrapostas sobre Izan o da saca de Xabier Quiroga, hai a quen lle apasionou esta novela de misterio que conta o paso dos nazis pola nosa terra e a quen lle pareceu longa de máis e as veces rebuscada.
Eu quedo con ganas de facer o roteiro literario da novela.
Esta cea levabamos outros deberes, un poema ou poemario dalgún autor que estivera de aniversario. E así tivemos o postre con versos de Dylan Thomas co que saíu a vea existencial. Con Gloria Fuertes, con poemas tan diferentes aos coñecidos infantís, un poemario onde podes atopar uns versos realmente íntimos, xunto con outros grotescos, tristes ou tremendamente alegres. E tamén houbo sitio para Miguel Hernández e un pequeniño libro aparentemente infantil moi ben editado.
Unha cea realmente agradable aínda con ausencias que esperamos non falten o 19 de maio, con sesión teatral no Teatro Principal para ver a estrea en galego de As galas do defunto Valle Inclán a mans do Centro Dramático Galego e logo cea para falar de Instruccións para tomar café de Manuel Núñez Singala e La séptima función del lenguaje de Lauren Binet (é para asegurarnos que Paloma vai vir co libro lido, ;))
Ningún comentario:
Publicar un comentario