sábado, 30 de xaneiro de 2016

1000 grúas pola paz

No Ferro Couselo xa todos e todas estamos enterados da historia de Sadako Sasaki, porque, grazas á sempre animosa profe Marosa,este ano, co gallo do Día Escolar da Paz e da Non Violencia, recollemos o seu legado e invadimos o centro con nada menos que 1000 grúas para pedir a paz no mundo. Algunhas, por se fose pouco, levan nas súas ás os haikus elaborados polos rapaces e rapazas deste Club de Lectura, que amosaron a súa sensibilidade e saber facer (a ver se algún se anima a compartilo co mundo nos comentarios!). Velaí un resumo da historia de Sadako e desta actividade na que todos participamos con extraordinario entusiasmo:



Seguro que máis dun pensou que a historia de Sadako podería dar para unha novela moi emotiva e chea de maxia e esperanza, non si? Pois si, efectivamente esa novela existe! Se alguén quedou con ganas de profundizar na historia e nos seus recovecos e seguir reflexionando sobre a paz, anímadevos a lela en calquera das catro linguas que moitos de vós manexades. A autora é canadiense Eleanor Coerr e, para galego e castelán, está editada en Everest (as portadas poden variar segundo a edición):


sábado, 19 de decembro de 2015

OS NOSOS BALBINOS


Este ano o festival de Nadal estivo pero que moi animado. Non sabía eu que no noso centro tiñamos tantos e tantas aficionados á música e ao baile. E ese comezo do noso grupo de teatro, con tan pouco tempo de traballo, 5 rapazas ben teatreiras. E ata acro-sport, deixáronnos alucinados.
E non podían faltar os nosos rapaces do Club, que puxeron en escena a Balbino. Contamos coa colaboración de alumnos de 3º e 4º do Club´(Rebeca, Rayssa e José Manuel) que foron resumindo o argumento de Memorias dun neno labrego. No medio,  os nosos lectores, convertidos en Balbino, lían ante un público ben difícil (día de vacacións,  ponte ti a ler en alto, a ver que pasa)
Daniel presentou a Balbino: Eu son Balbino, un rapaz de aldea...
María, foi Balbino falando do valor da amizade con Lelo (Daniel) como lle dixera o seu tío (Rois)
Elba como Balbino e Laura como Andrés,  falaron das persoas maiores


Pablo foi quen de falar do amor de Balbino pola mestra (Marlene)



Noa fixo de Toño, foi o peche co principio de Cartas a Lelo


Teño que confesar que pasei moito medo...cando vin o salón cheo, e dinme conta de tooooooodo o rato que estes estupendos Lectores (si, con maiúscula) ían ler, pensei..."pasámonos, verás como non aguantan". Si que algún fixo o parvo (iso vai no guión) pero en xeral o respecto foi fantástico. Incluso sorprendeume á saída  os comentarios de alumnas de bacharelato, que lles gustara esta historia tan afastada de nós.
Gracias, rapaces.

domingo, 13 de decembro de 2015

Facendo reconto

A verdade é que este ano estou verdadeiramente contenta por como está marchando o club. Só hai que mirar os dous últimos meses. Temos as nosas reunións dos venres cos nosos Contos por palabras, están en marcha as reunións dos nosos debatintes de segundo de Bacharelato e xa está escollido libro para as tertulias de 4º de ESO e 1º de Bacharelato.
Pero ademais de todo iso...
A cea das profes

Mira que falamos de Memoria da choiva ata con certos desacordos sobre o final (teríamos que falar co autor). O mellor,  o xogo preparado por Amalia con premio e todo. Ben merecido levou Marisol este agasallo.
Xa contará na seguinte cea que lle pareceu

E xa temos data para a seguinte. Toca teatro e cea. Leremos e veremos O testamento de María de Colm Tóibín por se alguén do centro anímase.

Os rapaces tamén seguiron coas súas actividades, mirade estas creativas interpretacións dun gatipedro de Escola de Menciñeiros


      



Tamén fomos ao teatro
E no camiño fixemos unha actividade divertidísima que tiña que ver cun dos relatos lidos. Cambiamos algúns dos nomes de establecementos da cidade. E os eslogan...moi chuscos. Pasámolo ben. A xente mirábanos. Normal, non é moi común ver a rapaces traballando, con libro e caderno nun bus da cidade. Aínda nos deu tempo ao chegar de ler outro relato. Pero eu creo que non gustou moito.
A obra de Troya gustounos a casi todos

Houbo a quen non lle gustou tanto, aos rapaces de 2º ciclo, non? A verdade é que  era unha posta en escena distinta: os monicreques preciosos e unilos con imaxes, pareceunos (a algúns) un acerto.
Pero sigamos coas cousas feitas,  xa neste mes.
Tivemos a sorte de que Margarita (profe de teatro) fixera para nos unha lectura de Memorias dun neno labrego e axudáranos ensinando como hai que ler ben un texto e na selección deses voluntariosos rapaces que presentáronse á proba de lectura para a homenaxe que faremos para todo o centro este venres.

Contamos na biblio con Margarita, profe de teatro para homenaxear a Neira Vilas


Para rematar un bo comezo de curso, estamos a todo traballar na preparación desa lectura dramatizada. E bastante apuradiños, entre exames e avaliación. Crucemos os dedos e que todo saia como esperamos. Os nosos "Balbinos" do club van sorprender moito. 

venres, 27 de novembro de 2015

Xosé Neira Vilas


Os escritores, xa se sabe, nunca morren de todo.
.
Ás veces algún deles fai que se vai, coma hoxe Neira Vilas, para que nos fixemos un pouquiño máis do habitual na herdanza que nos deixan.

Entón todo o mundo fala deles, recordamos os libros que xa lemos, facemos ganas de ler algún máis, revisamos a súa vida en noticias, entrevistas e reportaxes, e comprobamos o alcance da súa pegada nos comentarios das redes sociais.

Moitos deles, naturalmente, xiran en torno á súa obra máis coñecida, Memorias dun neno labrego,  que fai uns anos, con motivo do 50 aniversario da súa publicación, provocou unha chea de homenaxes. Como esta entrañable entrevista para os alumnos do IES Asorey:


 Ou este espectáculo de Cándido Pazó:


Ou esta lectura colectiva dos alumnos do IES Pino Manso:


E tamén, como non! algunha canción. Esta é de Ruxe ruxe:

E digo eu, se un escritor é obxecto de tantos homenaxes, será que paga a pena lelo, non si? En Camiño longo tedes unha estupenda selección de textos, con propostas de actividades que vos axudarán a comprendelos e aprecialos mellor, e mesmo a facer ganas de ler algunha obra completa.



xoves, 26 de novembro de 2015



Ben, pois a ver se imos centrando un pouco o tema dos debates de Bacharelato, que a este paso chega final de curso e nos pilla decidindo o tema... Claro, temas interesantes hai moitos, e vai ser difícil decidirse...
.
Un primeiro paso podería ser facer unha lista, a modo de "tormentas de ideas", para ir vendo o que vos interesa. Eu xa fixen a miña, e subina a Google Drive: se tedes conta de Gmail, podo habilitarvos para editar e así compartimos ideas e accesos a documentos sen ter que imprimir cada lectura interesante que atopemos. E, naturalmente, tamén podedes facer propostas neste mesmo blog.

A primeira lista está tomada da letra desta canción de Poetarras. Gústame porque demostra que mesmo nos temas nos que pensamos que todos estamos dacordo pode haber matices que nos fagan dubidar:



Nesa lista non hai enlaces a lecturas, espero que poidamos buscalas entre tod@s!!

 Na outra páxina van as miñas propostas, estas con enlaces a reportaxes, artigos de opinión ou blogs.

Outro sitio interesante ao que podedes acudir é burbuja.info, un foro no que se poden atopar todo tipo de opinións (algunhas mesmo moi fora do común) sobre todo tipo de temas. Ás veces cólanse algúns foreros que se pasan un pouco, pero, como xa somos maiores, iso tamén pode servirnos para saber o que non hai que facer cando se discute. Por outra banda, nos fíos máis serios (política, economía...) tamén hai xente moi preparada, con comentarios sólidos, argumentados e documentados dabondo.

E, finalmente, non esquezades andar polo mundo "cos ollos abertos": a vida cotiá tamén está chea de situacións, conversas e actitudes sobre as que paga a pena documentarse para adoptar posicións ben fundamentadas. 

venres, 20 de novembro de 2015

Xa imos pola segunda cea de profes

A verdade é que foi xa no mes de setembro cando retomamos as nosas quedadas literarias. Os libros ata estaban un pouco esquecidos. Tiñamos de optativo Os libros prestados de Xabier López López e Barba Azul de  Amélie Nothomb. Bastante diferencia nas visións deste último, entre filias e fobias que  deu moito que falar. Incluso continuamos días despois por mensaxería porque os meus alumnos de 2º de Bacharelato e eu con eles non entenderamos igual a obra.

<<Justo en el momento en el que don Elemirio murió, Saturnine se convirtió en oro"


A verdade é que falamos moito de libros, lecturas e ... É fantástico volver ao curso así. 
Quedamos con bo sabor, por eso,  hoxe, día 20 de novembro, cunha semana de atraso sobre o acordado, ás dez da noite espéranos a Memoria da choiva. 
Creo que haberá opinións encontradas sobre ela

TERROR, MAREOS E LESIÓNS

Os rapaces do segundo ciclo e o profe de música non teñen igual ambientando situacións terroríficas. Chegar ao salón de actos entre incienso e música arrepiante, e os nosos axudantes tan metidos en papel, daba a ambientación perfecta.

Rayssa, Sofía, Rebeca y Jose Manuel traballando


Empezamos lendo(con medo e asco) a historia do Fornadas, que deixou aos rapaces preparadiños para o que viña
A lectura resultou do máis ¿relaxante?


Preparados para esa lenda urbana de Slenderman que case acaba en desastre, coa nosa Slenderman Sofía particular abafada e cun ferido por caída monstruosa. Ao final, por sorte todo quedou nun susto (moi apropiado) e unhas risas
Pobre Slenderman que acabou rodando


E rematamos cunha terrorífica historia basada (supostamente) en feitos reais. Da man da nosa contadora Rebeca que non escatimou paixón na súa posta en escea

Os rapaces empezaban a achegarse intrigados
Conxuro apropiado ata con pemente e non sei que máis





















Unha sesión estupenda. Haberá que repetir.