No noso instituto cremos que as linguas deben servir para unirnos, e non para separarnos. Por iso, dende o club de lectura decidimos emprender a lectura trilingüe dunha pequena gran obra: na súa lingua orixinal (o francés), e nas nosas linguas maternas, galego e castelán.
O Principiño, de Antoine de Saint-Exupéry, é unha das obras máis lidas e apreciadas por todo tipo de lectores en todo o mundo. E é que este pequeno libro, coa súa sinxela apariencia de fábula infantil, esconde tal cantidade de significados que convirten cada lectura nunha experiencia nova e fascinante. Así o constata xente coma Mª Carmen, Mario, ou a sra. Castro. Eles, como case todos os lectores adultos, resaltan que O principiño se debe ler varias veces ao longo da vida, e en cada ocasión un terá a sensación de estar a descubrir un libro diferente.
A suxerinte e tenra historia do entrañable protagonista vese salpicada por breves “sentencias”, que, sen interromper nin recargar o argumento, evocan ideas, sentimentos e reflexións nas que un lector atento pode descubrir a importancia desas pequenas cousas que fan máis rica a nosa vida e que ás veces, sobre todo de maiores, esquecemos. As recompilacións de frases deste tipo son moitas, pero podes facer boca lendo algunhas en páxinas como esta, esta, esta, esta, esta ... Bueno, paro xa, non vou enlazar as 117.000 páxinas deste tipo que atopei co Google!! Ademais, só a lectura completa da obra poderá descubrirche, se estás disposto, esa maneira pura e profundamente humana de vivir e de mirar o mundo.
Outro dos aspectos que se soe destacar de O Principiño é o feito de que sexa un dos libros máis traducidos da historia, o que propicia que moitos “fans” se dediquen a facer coleccións das diferentes edicións. Un deses coleccionistas foi o escritor galego Carlos Casares (que tamén traduciu a obra ao galego), que nalgunha ocasión cedeu os seus exemplares para unha exposición. Outra coleccionista menos coñecida, Fuencisla Gonzalo, tivo unha idea xenial : utilizar a literatura contra a guerra financiando a publicación do libro nun dialecto afgano e conseguindo que o exército español repartise exemplares naquel país. Sen dúbida, a humanidade e a tenrura que desprende o libro son armas moito máis poderosas que calquera outra para loitar contra a intolerancia e a barbarie.
Outros admiradores dedícanlle cancións (de paso que escoitas esta, repara nas famosas ilustracións do propio autor, que aparecen en todas as edicións do libro):
series de debuxos animados
películas
traballos académicos
E, por suposto, o noso protagonista tamén ten os seus propios grupos no Facebook, como non!
Que terá o Principiño para provocar tanta fascinación? Queres empezar a formar parte desta enorme comunidade de seguidores? Entón agardámoste os venres no segundo recreo, na nosa biblioteca. Será moi interesante compartir a visión de lectores de diferentes idades, dende os que se achegan a obra por primeira vez, coa mirada limpa dos 13 anos, ata a terceira ou cuarta lectura das profes de “taitantos”.
E, por suposto, tamén agardamos os vosos comentarios para empezar a animar este blog que vimos de poñer en marcha. Podedes seleccionar o voso fragmento preferido, as “citas” que máis vos impacten, comentar as impresións que vos vai producindo….
Eu vou comezar co principio do libro, toda unha “declaración de intencións” do autor. Como empecei cunha en francés e o post está en galego, esta vai en castelán:
A LÉON WERTHPido perdón a los niños por haber dedicado este libro a una persona mayor. Tengo una excusa seria: esta persona mayor es el mejor amigo que tengo en el mundo. Tengo otra excusa: esta persona mayor puede entender todo, hasta los libros para niños. Tengo una tercera excusa: esta persona mayor vive en Francia, donde pasa hambre y frío. Tiene mucha necesidad de ser consolada. Si todas estas excusas no son suficientes, quiero dedicar este libro al niño que este señor ha sido. Todas las personas mayores fueron primero niños (pero pocas lo recuerdan). Corrijo entonces mi dedicatoria:A LÉON WERTH
CUANDO ERA NIÑO
Déixovos tamén un enlace a El tinglado, onde podedes ver a peli e atopar actividades coma esta en torno á obra.