venres, 30 de xuño de 2017

OUTRO TRIMESTRE LECTOR



            Alá vai o curso e alá vai o noso pequeno resumo do que fixemos. Os pequenos de primeiro leron Chamádeme Simbad de Francisco Castro, e si, tivo o mesmo éxito que o curso pasado. Parece que as xuntanzas dos recreos dos mércores deron para bastante. 


  Non están todos os que leron o libro pero si leron todos os que están
             E como len rápido, aínda tiveron tempo de ler Cuentos en verso para niños perversos de Roald Dhal, unha visión moi especial dos contos clásicos con Blana Nieves facendo autostop, Riziños de ouro e devorada por os tres osiños, Caparuchiña faise un abrigo de pel de lobo... Un bo fin de curso. Divertidísimo.
      Para este verán levaron 35 Kilos de esperanza de Ana Gavalda




          Os de segundo e terceiro tamén estiveron a ler, esta vez quedamos os mércores, ás 11:20: El extraordinario ingenio parlante del Profesor Palermo Jordi Sierra i Fabra.



          A nosa idea era facer outra xuntanza cos compañeiros do IES XULIO PRIETO NESPEREIRA, despois do éxito da última xuntanza. E tiñamos todo preparado (xogo, debate...) e no último momento non puido ser. Unha pena. Iso non significa para que non tiveramos a nosa xuntanza final.


 Faltáronnos algúns pola folga de transporte
            Pero o certo é que quedei ALUCINADA con esta xuntanza, a profundidade dalgunhas reflexións, as descricións que fixeron do pequeno extraterrestre Klatuu, para mostra este debuxo de Luísa.
Klaatu en brazos do profesor Palermo e admirado por Gustav
         Os derroteiros por onde foron estes non tan pequenos lectores, que saben falar de realidades diferentes. Foi animado o debate sobre se é mellor unha sociedade con sentimentos ou sen eles. Tanto deu de si que acabei falando de distopías como a de Fahrenheit de Ray Bradbury,  e cal foi a miña sorpresa que quixeron lelo para o verán. Iso que expliquei que xa non era literatura xuvenil, que ía ser máis difícil. Deu igual. Que orgullosa estou deste grupo. 

          E non podían faltar os club de profes que non se conformou cunha cea, o 20 de maio, na que se falou de  Instrucións para tomar café de Manuel Núñez Singala e La séptima función del lenguaje de Lauren Binet. 

           Pero antes de ir de cea foron o teatro. O Centro Dramático Galego, baixo a dirección de Marta Pazos fixo a primeira adaptación ao galego de Martes de Carnaval de Valle Inclán . Que levantou verdadeiras paixóns: sorprendente, innovador, chamativo...fíxose curto.
          E da conversa posterior sobre  a montaxe e o texto en si, saiu a seguinte lectura Un conto gallego de Rosalía de Castro. Tratábase de buscar similitudes con A filla do capitán. E ter unha disculpa para outra comida, antes de marchar, onde pechar  tamén definitivamente as lecturas para verán. O conto foi moi discutido, algúns  non tiñamos moi claro a autoría do mesmo, incluso houbo moi diversas interpretacións do sentido. E para rematar as lecturas do verán: Patria de Aramburu e O Anxo Negro de Manual Gago. E como optativos Bibliópatas e fobólogos de Emma Pedreira e Ostracia de Teresa Moure. Así de tolos estaaamoooos. 
Non temos foto dos comensales pero si da estupenda sobremesa


martes, 20 de xuño de 2017

LOS BOOKTUBERS DEL CLUB Y ROBINSON CRUSOE

Lo que empezó como un simple trabajo de una lectura, no sabemos cómo puede terminar. Aquí os presento el primer vídeo de LOS YOUTUBEIROS DO CLUB. Y el curso que viene os sorprenderán. A mí ya me han sorprendido con su lectura de ROBINSON CRUSOE

xoves, 1 de xuño de 2017

REFLEXIÓN

O certo é que este ano o club está a funcionar dun xeito máis silencioso pero non significa que non esteamos a ler. Unha pena que non teñamos máis tempo para organizar actividades para todo o centro, como faciamos outros cursos.
Porén  estou satisfeita co chisquiño que aportamos os que tiramos deste carro. Un carro cargado de ilusións e libros pero tamén de moito traballo que, as veces, non nos deixa adicarnos como quixeramos a asuntos como estes do club ( ao fin e ao cabo son como quen di os "adornos" dos nosos sistemas educativos que piden contidos, procedementos, estándares e burocracias). Hai moita xente que nalgún momento botou unha man, foi profe axudante, alumno colaborador. Non podo máis que agradecer a todos aqueles que fixeron ou fan pola súa conta algo por este club,  ou a aqueles que foron voluntarios nalgunha das múltiples actividades lectoras do centro.  Xa levamos unha grande andadura e sempre atopei alguén, sempre, que me deu folgos cando estiven a piques de "pechar o chiringo". Cando estou cansa, superada ou simplemente farta dun sistema educativo que non ten en conta a xente que intenta impregnar de ilusión o seu traballo. "Tirar a toalla, dar a miña clase e saír correndo", penso a principios de curso. E logo, polo corredor acósame un neniño que non me coñece de nada e me pregunta se eu son "a dos libros" e que cando empezamos, e brillan os seus ollos que me descolocan. Ou unha profe dunha materia científica que ofrece os seus recreos para ler cos rapaces, ou alguén novo que quere axudar e que conta todo o que  fixo noutros centros. E brillan os seus ollos.  A verdade que na época do desánimo educativo (porque non sei se é que eu xa o levo dentro, ou é que está no meu centro) cando vexo "caer no campo de batalla" a compañeiros que parecen perder a ilusión e empezan a automatizarse, a non querer sentir, nin compartir,  eu sigo agarrándome aos libros como unha taboa de salvación. Aos libros  e as xuntanzas con outros centros, e a comer pizza nun aula falando dun libro, e as ceas de profes que tanto gozamos. E máis que nada agárrome  aos ollos dun único neno que queira LER. 
Por iso, estou satisfeita do noso pequeno traballo do anterior trimestre, e do pasado e deste (nuns días subirei un resumo). Estou cansa pero contenta de conseguir casi pechar un curso máis, aínda que non sexa con grandes adornos e foguetes, seguir esta pequena corrente lectora. 
Son malos tempos non só para a lírica, pero hoxe non teño ganas de tirar a toalla, aínda que con pouca forza, AQUÍ ESTAMOS.
E mañá... xa se verá.

sábado, 1 de abril de 2017

ALÁ VAI OUTRO TRIMESTRE TOLO

Está claro que é necesario que alguén tome as rendas  deste blog porque non me dá o tempo para poder contar as actividades que facemos. 
Este é un pequeno resumo do noso vivir a lectura neste trimestre:
Como xa diciamos noutra entrada, estivemos a preparar as tertulias literarias que este instituto comparte con outros institutos da provincia. o grupo de alumnos de 4º ESO e 1º de bacharelato, leron As horas roubadas, da escritora María Solar. O grupo de cuarto de ESO e primeiro de bacharelato prepararon a súa tertulia en reunións na biblioteca os luns despois de xantar. Falamos moito do amor en distintas etapas da vida, dos malos tratos, da violencia de xénero, das aparencias...Todo situado nese inicio da democracia que eles xa perciben como parte da historia e non como realidade. Certamente, encántanme estas xuntanzas, porque creo que é onde mellor podo chegar a coñecer aos meus alumnos e alumnas... a lectura, sempre a lectura que rompe muros e acerca xeracións. 


O 1 de febreiro no salón nobre do Liceo de Ourense tiveron unha xuntanza coa escritora que ofreceu unha visión sobre a experiencia de escribir e aclarounos canto quixemos sobre As horas roubadas.


Ao día seguinte e debido ao gran número de participantes, dividimos os tertulianos en dúas salas. O noso instituto estivo con alumnado do IES Universidad Laboral, o IES As Lagoas e parte dos que viñan do IES Xulio Prieto Nespereira. 

  A tertulia estivo moi animada

E seguindo con XUNTANZAS, os nosos pequenos do club, de 1º de ESO,  foron xantar e a falar de libros cos rapaces do IES Xulio Prieto Nespereira. Tendo en conta o éxito acadado o curso pasado, decidimos repetir libro, Heka, un viaje mágico a Egipto. Pilar leva de marabilla este grupo de novos rapaces que se xuntan todos os mércores no segundo recreo.
                                                            Pizzas e xogos compartidos 
           
E premios de postre

Creo que quedaron con ganas de máis. Así que xa pensando como volver xuntar  rapaces e libros. 
E como este grupo é moi activo, xa están a ler o seguinte libro  Chamádeme Simbad de Francisco Castro con Pilar.
                                                        
                                    Só espero que teña o mesmo éxito que tivo o curso pasado

 Tamén o grupo de 2º e 3º seguiron lendo este trimestre. Tiñan ganas da segunda parte do que xa leran o curso anterior (Nunca seré tu héroe), así que tocou Héroe a mi pesar de María Menéndez Ponte. Tivemos algunhas xuntanzas os venres no segundo recreo, nas que cando aparecían uns non aparecían os outros, polo que de novo non quedou outro remedio que facer un almorzo un mércores a principios de marzo,  na hora de titoría. O libro non tivo tanto éxito como o anterior, pero si que sacaron moito do que falar: amores, estudos, relacións pais-fillos, medos, nazismo...  


                             Agora xa están esperando o seguinte libro, que vai para a Semana Santa. 


O caso é que tamén meteuse polo medio o día mundial da poesía, o 21 de marzo e tanto os grupo de segundo e terceiro, como o grupo de primeiro deixaron aparcada a vergonza. 
Os nosos alumnos de 2º e 3º escolleron poesías nun par de xuntanzas e despois,  os nosos escribas e pintores  fixeron "anuncios" para encher o aparcadoiro do Paco Paz e das inmediacións, os bares do entorno e o supermercado Día que temos ao lado. A verdade que hai que hai que ser todo un heroe para saír no recreo diante de todo o centro a poñer papeis nos coches. Pode que ler faga a xente doutra pasta.
  

                                      
                                   
A modo de anécdota, pola noite chegoume unha mensaxe dunha compañeira doutro centro que levara unha alegría inmensa ao atopar no seu parabrisas un poema e non unha nota por estar mal aparcada ou unha multa. Foi a constancia de que alegramos o día a alguén.
O grupo de primeiro tamén animouse a facer unha actividade, e buscaron poemas para compartir cos compañeiros do centro. A idea era regalar versos para que logo os subiran ás súas redes sociais. Así traballaron.

E así foi o resultado final

E como non podía ser menos, rematamos o trimestre coa cea de profes o día 31 de marzo. Mermadas as nosas liñas por viaxes e cansanzo trimestral, aínda así foi unha cea más que estupenda. Falamos dos libros que lidos Intemperie de Jesús Carrasco, que non deixou indiferente a ninguén.  En xeral, sorprendeu e gustou moito pero tamén houbo quen non foi capaz de rematalo. Para que vos fagades unha idea, neste  blog  podedes ler algunhas das ideas que tamén saltaron na cea. E tamén posturas contrapostas sobre Izan o da saca de Xabier Quiroga, hai a quen lle apasionou esta novela de misterio que conta o paso dos nazis pola nosa terra e a quen lle pareceu longa de máis e as veces rebuscada. 

                                            Eu quedo con ganas de facer o roteiro literario da novela.
                                         

                                           Houbo quen levou o cómic, adaptación de Javi Rey da obra

Esta cea levabamos outros deberes, un poema ou poemario dalgún autor que estivera de aniversario. E así tivemos o postre con versos de Dylan Thomas co que saíu a vea existencial. Con Gloria Fuertes, con poemas tan diferentes aos coñecidos infantís, un poemario onde podes atopar uns versos realmente íntimos, xunto con outros grotescos, tristes ou tremendamente alegres. E tamén houbo sitio para Miguel Hernández e un pequeniño libro aparentemente infantil moi ben editado. 

  
Unha cea realmente agradable aínda con ausencias que esperamos non falten o 19 de maio, con sesión teatral no Teatro Principal para ver a  estrea en galego de  As galas do defunto Valle Inclán a mans  do Centro Dramático Galego e logo cea para falar de Instruccións para tomar café de Manuel Núñez Singala e La séptima función del lenguaje de Lauren Binet (é para asegurarnos que Paloma vai vir co libro lido, ;))