martes, 16 de outubro de 2012

Marjane Satrapi

A semana pasada o Cineclube Padre Feijoo, que xa está de volta todos os mércores, proxectou a película Poulet aux prunes (Pollo con ciruelas, en castelán), de Marjane Satrapi, baseada no comic do mesmo título (e da mesma autora). E alá que nos fomos tres profes do club, que pasamos unha velada estupenda con esta historia tenra e á vez dramática, impecablemente interpretada e cunha posta en escea deliciosa.


Marjane Satrapi (Irán, 1969) fíxose famosa con Persépolis, un dos dous cómics que todo o mundo, mesmo aqueles que abandoaron este xénero coa infancia, ten lido (O outro é Maus, de Art Spiegelman). Persépolis é unha obra autobiográfica, que conta a vida da autora dende o momento en que, cando ela tiña 10 anos, os integristas se fixeran co poder no seu país. As vicisitudes de Marjane no seu país e en Europa, onde ven a estudar, teñen sempre como transfondo a difícil situación de Irán, o fundamentalismo, a guerra, as dificultades da muller no mundo árabe pero tamén as dificultades  derivadas do "choque de culturas" que a protagonista enfronta en occidente. Ademáis do contido, foi moi comentado o particular estilo en branco e negro das viñetas, que caracteriza os libros máis coñecidos da autora.
Un deseño moi persoal que se mantivo na adaptación para o cine, unha película de animación realizada no 2007 que tivo case tanto éxito coma o comic.



Nunha liña similar a Persépolis está Bordados, que se presenta, en certo sentido, coma unha "continuación" do anterior: de volta en Teherán, Marjane, a súa avoa e sete mulleres máis, mentres durmen os seus maridos, manteñen unha longa conversa que nos permite coñecer, máis alá de simples estereotipos, múltiples aspectos da vida das mulleres árabes: as súas inquedanzas e sentimentos, as súas opinións e as diversas experiencias vitais, en certo sentido diferentes ás occidentais pero noutros moitos sorprendentemente universais.

Menos coñecido, El suspiro preséntase coma unha "fábula ilustrada", na que o texto vai combinado con debuxos á maneira dos libros infantís. Neste caso, Marjane Satrapi abandoa o branco e negro para relatar a historia dun comerciante que, nun dos seus viaxes, non puido traer á unha das súas fillas o regalo que ela lle pedira. As queixas da rapaza atraerán a un misterioso personaxe, "Ah", co que Rosa, e nós con ela, aprenderá o valor dos sentimentos.

En Ajdar, un conto dirixido esta vez aos máis pequenos (ainda que os maiores tamén o len con agrado), cóntasenos a historia dunha nena, Matilde, que terá que viaxar ao centro da terra para restaurar a orde que un misterioso temblor alterou.



Tamén vai dirixido aos máis pequenos o conto Los monstruos tienen miedo a la luna, unha historia na que María deberá loitar contra tres monstruos que lle asaltan pola noite. Para elo, a nena decide baixar a lúa á súa habitación, pero esa acción provoca un caos na cidade ao que terá que poñer remedio.

martes, 9 de outubro de 2012

Abrindo brecha

A que non adiviñades cal dos mini-clubs foi o primeiro do curso en reunirse para comentar libros?

Hehehe... xa, xa sei que a resposta é bastante evidente: O CLUB DE PROFES, naturalmente! Apenas un mes despois de comezar o curso, xa estabamos nós comentando as lecturas que acordaramos ao final do curso pasado. É que, ainda que tamén nos gustan moito, pero moito, as vacacións, a verdade é que xa tiñamos ganas de vernos. Ademáis, o noso mini-club estase a converter nun punto de encontro con aqueles membros que van deixando o noso instituto. Quen sabe! Pode que algún día, dentro duns aniños, tamén os alumnos que formaron parte do club e van deixando o instituto se animen a imitarnos.

Reunímonos o día 5 de outubro no restaurante Abadía para comentar os dous libros que leramos no verán: Os nomes do traidor, de Xurxo Sierra Veloso, e Mil soles espléndidos, de Khaled Hosseini. Debatemos, entre outras moitas cousas, sobre o enigmático protagonista do primeiro, mentras que Mil soles espléndidos serviu para recordarnos a dramática situación das mulleres en moitas partes do mundo e, particularmente, en Afganistan, un país no que, malia periódicos asomos de esperanza, as cousas non rematan de normalizarse. E tamén, como ven sendo habitual, falamos doutros libros e da nosa próxima cea. 

Despois trasladamos a tertulia a un marco incomparable, unha terraza situada xusto baixo a espléndida fachada da nosa catedral. A próxima cea quedou establecida para o día 30 de novembro no restaurante TodoBio. A ver se é verdade e non temos que retrasala esta vez! 

Dos libros escollidos non vos vou falar. Só vos darei os titulos, e se queredes saber máis ides ter que visitar a wiki, que se non vos obrigo non pasa ninguén por alí. Son Laura no deserto, de Antón Riveiro Coello, e Lágrimas en la lluvia, de Rosa Montero.

O que si vos direi é que por esta vez podedes escoller un ou os dous. Menos mal, porque os dous son bastante larguiños! Aínda así, a verdade é que vai ser difícil resistirse, porque as críticas e opinións sobre eles son realmente eloxiosas. Quen sabe, pode que, agora que non é obrigatorio, mesmo a min me dea por ler os dous!

Outros libros dos que tamén se falou pero quedaron na reserva foron: