Libros, libros, libros…. Neste blog falamos moito do seu contido, das historias que se agochan nas súas páxinas, dos sentimentos que nos espertan, dos seus autores… pero, que hai do libro como obxecto físico? Ese envoltorio humilde e discreto, sen máis pretensións que servir de ponte entre nós e as palabras que encerra. Ese que moitos de nós carrexamos, sobamos e, nalgúns casos, garabateamos sen compaixón. Nos tempos da informática e dos e-books, ese vello compañeiro tamén merece algo de atención, inda que só sexa polos bos ratos que nos fixo pasar.
Agora os libros, coma case todo, fabrícanse de xeito industrial, pero o traballo artesanal ten un encanto que a todos nos gusta saborear de cando en vez. A profe Marosa ven de transmitirlles aos membros do club de 3º e 4º da ESO os segredos que se agochan tras eses envoltorios de soños que son os libros nun divertido obradoiro.
Cada un dos participantes ten xa na súa casa un obxecto único, persoal, que unhas semanas antes non era máis ca un feixe de papeis e cartóns, e que se foi convertendo, nas súas mans, nun mundo aberto a tódalas posibilidades: un LIBRO en branco. Agora hai que enchelo de palabras, e non e fácil decidir que uso se lle vai dar a un obxecto tan especial, tan noso.
Eu xa sei o que farei co meu (este ano non participei, pero espero que a experiencia se repita: pooorfa!) Regalareillo a Samara, que aínda non ten un ano, para que llo dean cando descubra a maxia da palabra escrita. Na primeira páxina escribirei, a mán por suposto, as estrofas máis bonitas das Nanas de la cebolla (“alondra de mi casa, ríete mucho/es la risa en tus ojos/la luz del mundo…”), e na última o poema máis coñecido de Ruyard Kipling, Se... (“se podes soñar e non deixar que os soños te dominen… "). Polo medio, espero que ela o encha con debuxos, coas súas primeiras palabras, cos seus poemas favoritos, tal vez coa letra dalgunha canción, coas palabras escritas nas que ela, como millóns de persoas antes ca ela, vai descubrir o mundo e descubrirse a si mesma.
Pero iso é o que farei eu. Que será dos libros que os membros do club veñen de fabricar? Que palabras, ideas ou sentimentos poderán chegar a almacenarse nas súas páxinas? Gustaríanos que os participantes no obradoiro nos contasen que uso teñen pensado darlle ao libro que fixeron: vanllo regalar a alguén que consideren especial? Van reservalo para copiar os seus poemas, fragmentos ou sentencias favoritos? Talvez algún/ha mesmo se anime a enchelo coas súas propias creacións? Queremos sabelo! E xa sabedes que para iso están os COMENTARIOS. Se é demasiado persoal, ou simplemente non vos gusta ver o voso nome en Internet, recordade que podedes contalo como anónimos, cun pseudónimo ou coa vosa “identidade virtual”.