Ben, pois a ver se imos centrando un pouco o tema dos debates de Bacharelato, que a este paso chega final de curso e nos pilla decidindo o tema... Claro, temas interesantes hai moitos, e vai ser difícil decidirse...
.
Un primeiro paso podería ser facer unha lista, a modo de "tormentas de ideas", para ir vendo o que vos interesa. Eu xa fixen a miña, e subina a Google Drive: se tedes conta de Gmail, podo habilitarvos para editar e así compartimos ideas e accesos a documentos sen ter que imprimir cada lectura interesante que atopemos. E, naturalmente, tamén podedes facer propostas neste mesmo blog.
A primeira lista está tomada da letra desta canción de Poetarras. Gústame porque demostra que mesmo nos temas nos que pensamos que todos estamos dacordo pode haber matices que nos fagan dubidar:
Nesa lista non hai enlaces a lecturas, espero que poidamos buscalas entre tod@s!!
Na outra páxina van as miñas propostas, estas con enlaces a reportaxes, artigos de opinión ou blogs.
Outro sitio interesante ao que podedes acudir é burbuja.info, un foro no que se poden atopar todo tipo de opinións (algunhas mesmo moi fora do común) sobre todo tipo de temas. Ás veces cólanse algúns foreros que se pasan un pouco, pero, como xa somos maiores, iso tamén pode servirnos para saber o que non hai que facer cando se discute. Por outra banda, nos fíos máis serios (política, economía...) tamén hai xente moi preparada, con comentarios sólidos, argumentados e documentados dabondo.
E, finalmente, non esquezades andar polo mundo "cos ollos abertos": a vida cotiá tamén está chea de situacións, conversas e actitudes sobre as que paga a pena documentarse para adoptar posicións ben fundamentadas.













