venres, 27 de maio de 2011

Envoltorios de soños

Libros, libros, libros…. Neste blog falamos moito do seu contido, das historias que se agochan nas súas páxinas, dos sentimentos que nos espertan, dos seus autores… pero, que hai do libro como obxecto físico? Ese envoltorio humilde e discreto, sen máis pretensións que servir de ponte entre nós e as palabras que encerra. Ese que moitos de nós carrexamos, sobamos e, nalgúns casos, garabateamos sen compaixón. Nos tempos da informática e dos e-books, ese vello compañeiro tamén merece algo de atención, inda que só sexa polos bos ratos que nos fixo pasar.


Agora os libros, coma case todo, fabrícanse de xeito industrial, pero o traballo artesanal ten un encanto que a todos nos gusta saborear de cando en vez. A profe Marosa ven de transmitirlles aos membros do club de 3º e 4º da ESO os segredos que se agochan tras eses envoltorios de soños que son os libros nun divertido obradoiro.
 


Cada un dos participantes ten xa na súa casa un obxecto único, persoal, que unhas semanas antes non era máis ca un feixe de papeis e cartóns, e que se foi convertendo, nas súas mans, nun mundo aberto a tódalas posibilidades: un LIBRO en branco. Agora hai que enchelo de palabras, e non e fácil decidir que uso se lle vai dar a un obxecto tan especial, tan noso.
Eu xa sei o que farei co meu (este ano non participei, pero espero que a experiencia se repita: pooorfa!) Regalareillo a Samara, que aínda non ten un ano, para que llo dean cando descubra a maxia da palabra escrita. Na primeira páxina escribirei, a mán por suposto, as estrofas máis bonitas das Nanas de la cebolla  (“alondra de mi casa, ríete mucho/es la risa en tus ojos/la luz del mundo…”), e na última o poema máis coñecido de Ruyard Kipling, Se... (“se podes soñar e non deixar que os soños te dominen… "). Polo medio, espero que ela o encha con debuxos, coas súas primeiras palabras, cos seus poemas favoritos, tal vez coa letra dalgunha canción, coas palabras escritas nas que ela, como millóns de persoas antes ca ela, vai descubrir o mundo e descubrirse a si mesma.
Pero iso é o que farei eu. Que será dos libros que os membros do club veñen de fabricar? Que palabras, ideas ou sentimentos poderán chegar a almacenarse nas súas páxinas? Gustaríanos que os participantes no obradoiro nos contasen que uso teñen pensado darlle ao libro que fixeron: vanllo regalar a alguén que consideren especial? Van reservalo para copiar os seus poemas, fragmentos ou sentencias favoritos? Talvez algún/ha mesmo se anime a enchelo coas súas propias creacións? Queremos sabelo! E xa sabedes que para iso están os COMENTARIOS. Se é demasiado persoal, ou simplemente non vos gusta ver o voso nome en Internet, recordade que podedes contalo como anónimos, cun pseudónimo ou coa vosa “identidade virtual”.

xoves, 19 de maio de 2011

Lois Pereiro no Quinto

IMPRESIONANTE o esforzo deste grupo de alumnos para achegarnos á figura de Lois Pereiro, preparando esta montaxe nun tempo récord, renunciando a recreos, memorizando a toda velocidade, ensaiando en calquera ratiño, "destripando" os textos para atopar o sentimento axeitado para lelos... E impresionante, por suposto, o resultado.

Finalmente, todo pagou a pena pola calurosa acollida do venres pasado no salón de actos. Pero os espectáculos en vivo son así: moito tempo para preparalos e moi pouco para disfrutalos. En fin, a tecnoloxía ven na nosa axuda permitindo que poidamos inmortalizar ese momento, e aquí tedes a filmación da nosa homenaxe ao poeta monfortino.


Agardamos que disfrutárades da sesión e que a nosa montaxe vos servira para coñecer un pouco mellor ao homenaxeado. E, por suposto, agardamos con impaciencia que nolo contedes nos vosos COMENTARIOS: que foi o que máis vos gustou? Aprendestes algo sobre o poeta? Cal foi o voso poema favorito?


luns, 9 de maio de 2011

O ano que coñecimos a Lois

.


Como cada ano dende 1963, nestas datas chega o momento de celebrar que, a pesar das moitas tribulacións que tivo que pasar a nosa lingua, en galego tamén temos unha literatura de primeira orde. Farémolo,  xa o sabedes, no mesmo día en que Rosalía de Castro recuperou a voz dos galegos para a literatura “culta” (xa sabemos que popular existe sempre en todas as linguas), cando, un 17 de maio de 1863, publicou Cantares gallegos.
Ese mesmo día, pero xa no 2011, recordaremos ao poeta galego LOIS PEREIRO, un xoven monfortino que tivo a desgracia de morrer moi novo, pero que na súa corta vida escribiu uns poemas cheos de sentimento e emoción. A ocasión permite, ademáis, que nos acheguemos a unha etapa da literatura que non aparece moi frecuentemente nas clases, ou nos libros de texto, pero que, pola súa cercanía e tamén pola xuventude do autor, probablemente vos poida resultar máis próxima e interesante  a moitos de vós (e de nós).



E como agardamos que así sexa, esta vez non vos imos contar nada máis. Gustaríanos que fosedes vós, dende os vosos COMENTARIOS, os que nos mostredes todo o que sabedes, ou estades a aprender, do autor: as curiosidades da súa vida ou da súa personalidade, o poema que máis vos emocionou (tedes moitos polas paredes do centro, xa os lestes?), en fin, calquera aspecto que esperte o voso interés e creades que nos pode interesar aos demais. No tedes que buscar moito, se non vos apetece: na páxina da coordinadora dos ENDL aparecen moitas das iniciativas coas que se está a homenaxear a Lois Pereiro: textos, enlaces, vídeos, arquivos sonoros, e, por suposto, todo tipo de actividades interactivas coas que aprender e poñerte a proba.

Videopoemas, repetimos?


Por outra banda, corren rumores de que a algúns de vós, animados pola experiencia do ano pasado (que non podedes ver neste blog, porque non existía, pero si na Aula Virtual), queredes elaborar videopoemas con textos de Lois Pereiro. Se non lembrades ben como se facía, ou queredes perfeccionar a vosa técnica, recordade que nesa mesma páxina tedes consellos e tutoriais.
A única recomendación que vos facemos as profes é que non vos lancedes sobre os ordenadores a buscar imaxes. O primeiro que hai que facer é reflexionar moito sobre o contido “emotivo” dos poemas, sobre eses sentimentos agochados detrás das palabras concretas. As imaxes non teñen que reflectir o que o poema di literalmente (de feito, buscando os sustantivos concretos que aparecen no poema moitas veces non o fan), senón as sensacións que elas provocan no lector.Fixádevos, por exemplo, neste vídeo:



É moi sinxelo (igual que o poema) e o autor non buscou imaxes de morte, batallas, cerebro, amor, porta, pé... (palabras todas ellas que aparecen no texto), pero  o vídeo consigue transmitir a mesma sensación de desolación e soidade que está no fondo do poema. 


Mentras tanto, os membros do club, como non podía ser menos, estamos a colaborar novamente co ENDL do centro na organización da celebración dalgún ACTO para o Día das Letras Galegas. Pero diso inda vos imos contar menos.


Vémonos no salón de actos, moi pronto!

venres, 29 de abril de 2011

Rompendo fronteiras


No noso instituto cremos que as linguas deben servir para unirnos, e non para separarnos. Por iso, dende o club de lectura decidimos emprender  a lectura trilingüe dunha pequena gran obra: na súa lingua orixinal (o francés), e nas nosas linguas maternas, galego e castelán.
O Principiño,  de Antoine de Saint-Exupéry, é unha das obras máis lidas e apreciadas por todo tipo de lectores en todo o mundo. E é que este pequeno libro, coa súa sinxela apariencia de fábula infantil, esconde tal cantidade de significados que  convirten cada lectura nunha experiencia nova e fascinante. Así o constata xente coma Mª Carmen, Mario, ou a  sra. Castro. Eles, como case todos os lectores adultos, resaltan que O principiño se debe ler varias veces ao longo da vida, e en cada ocasión un terá a sensación de estar a descubrir un libro diferente.
A suxerinte e tenra historia do entrañable protagonista vese salpicada por breves “sentencias”, que, sen interromper nin recargar o argumento, evocan ideas, sentimentos e reflexións nas que un lector atento pode  descubrir a importancia desas pequenas cousas que  fan máis rica a nosa vida e que ás veces, sobre todo de maiores, esquecemos. As recompilacións de frases deste tipo son moitas, pero podes facer boca lendo algunhas en páxinas como estaesta, esta, esta, esta ... Bueno, paro xa, non vou enlazar as 117.000 páxinas deste tipo que atopei co Google!! Ademais,  só a lectura completa da obra poderá descubrirche, se estás disposto, esa maneira pura e profundamente humana de vivir e de mirar o mundo.
Outro dos aspectos que se soe destacar de O Principiño é o feito de que sexa un dos libros máis traducidos  da historia, o que propicia que moitos “fans” se dediquen a facer coleccións das diferentes edicións. Un deses coleccionistas foi o escritor galego Carlos Casares (que tamén traduciu a obra ao galego), que nalgunha ocasión cedeu os seus exemplares para unha exposición.  Outra coleccionista menos coñecida, Fuencisla Gonzalo, tivo unha idea xenial : utilizar a literatura contra a guerra  financiando a publicación do libro nun dialecto afgano e conseguindo que o exército español repartise exemplares naquel país. Sen dúbida, a humanidade e a tenrura que desprende o libro son armas moito máis poderosas que calquera outra para loitar contra a intolerancia e a barbarie.
Outros admiradores dedícanlle cancións (de paso que escoitas esta, repara nas famosas ilustracións do propio autor, que aparecen en todas as edicións do libro): 

series de debuxos animados


películas

traballos académicos



E, por suposto,  o noso protagonista tamén ten os seus propios grupos no Facebook, como non!
Que terá o Principiño para provocar tanta fascinación? Queres empezar a  formar parte desta enorme comunidade de seguidores? Entón agardámoste os venres no segundo recreo, na nosa biblioteca. Será moi interesante compartir a visión de lectores de diferentes idades, dende os que se achegan a obra por primeira vez, coa mirada limpa dos 13 anos, ata a terceira ou cuarta lectura das profes de “taitantos”.
E, por suposto, tamén agardamos os vosos comentarios para empezar a animar este blog que vimos de poñer en marcha. Podedes seleccionar o voso fragmento preferido, as “citas” que máis vos impacten, comentar as impresións que vos vai producindo…. 
Eu vou comezar co principio do libro, toda unha “declaración de intencións” do autor. Como empecei cunha en francés e o post está en galego, esta vai en castelán:
A LÉON WERTH
Pido perdón a los niños por haber dedicado este libro a una persona mayor. Tengo una excusa seria: esta persona mayor es el mejor amigo que tengo en el mundo. Tengo otra excusa: esta persona mayor puede entender todo, hasta los libros para niños. Tengo una tercera excusa: esta persona mayor vive en Francia, donde pasa hambre y frío. Tiene mucha necesidad de ser consolada. Si todas estas excusas no son suficientes, quiero dedicar este libro al niño que este señor ha sido. Todas las personas mayores fueron primero niños (pero pocas lo recuerdan). Corrijo entonces mi dedicatoria:
A LÉON WERTH
CUANDO ERA NIÑO
Déixovos tamén un enlace a El tinglado, onde podedes ver a peli e atopar  actividades  coma esta  en torno á obra.


mércores, 27 de abril de 2011

Contra el viento

Algunos alumnos de 4º ESO y 1º BAC estamos leyendo "Contra el viento", de Ángeles Caso, para participar en las Tertulias del Liceo.
En esta novela, ganadora del Premio Planeta 2009, la escritora nos relata las peripecias de una caboverdiana, la valiente Sao, que, en su lucha para salir adelante, acabará recalando en nuestro país.
Pero, antes de empezar a leer, ¿qué tal unas imágenes y un poco de música para irnos ambientando en el lugar donde comienza la historia?
También puedes ver, en la página de Rtve, la reseña del libro a raíz de la obtención del premio. O conocer a la mujer real que inspiró el personaje protagonista.

Finalmente, esta es la propuesta de lectura que usaremos como punto de partida de las tertulias, con sugerencias para la reflexión a partir de cada capítulo.


sábado, 23 de abril de 2011

Celebración da literatura


O 23 de abril de 1616 morreron Miguel de Cervantes e William Shakespeare, quizais os dous escritores máis trascendentes e valorados da literatura mundial.
Hoxe xa case todo o mundo sabe que esta pasmosa coincidencia ten algo de trampa, porque naquela época Inglaterra e España se rexían por calendarios diferentes. Así que sería máis axeitado dicir que os escritores morreron en días diferentes que tiñan, por así dicilo, o “mesmo nome”. O cal non deixa de ser menos asombroso, e deunos ás xeracións posteriores a oportunidade de establecer un día no que os lectores celebramos a existencia da literatura, ese fenómeno marabilloso que tanto nos aporta aos que temos a sorte de ternos afeizoado a ela. 
Pero, que é iso que nos aporta a literatura? Que buscamos os lectores cando abrimos un libro? Non hai unha resposta única: cada persoa, cada libro, cada momento temos necesidades ou apetencias diferentes, e os que amamos a literatura sabemos que, nalgunha parte, existe o libro que se adapta exactamente ao que queremos nese preciso instante. Porque nós, algunha vez, experimentamos esa máxica sensación de que o libro que estamos a ler pareza exactamente feito para nós. Por iso seguimos lendo. Por iso compadecemos á xente que non foi quén de seguir buscando e deixou de ler.
E aínda que saibamos que é imposible recoller todo o que os libros poden aportarnos, nesta presentación escollemos algunhas ideas, e transmitímolas, como non podía ser menos, nas palabras deses escritores que poñen voz aos nosos pensamentos e sentimentos mellor incluso do que nós o faríamos.
 
View more presentations from catholty
E ti? Por que lees? Recordas ese libro que che fixo sentir especial? O que parecía que falaba de ti? O que che abriu os ollos sobre algún tema? O que te transportou a un país ou a unha época lonxana? O que che fixo rir, ou chorar, ou pasar medo, ou emocionarte....?

Cóntanos, a nós tamén nos gustaría descubrilo!!

luns, 21 de marzo de 2011

Con P de Primavera, con P de Poesía


"Poesía eres tú",
dijo un poeta
-y esa vez era cierto-
mirando el Diccionario de la Lengua.
(Ángel González)
Este é un dos poemas que se agochan nas páxinas dos libros que vimos de colocar nunha mesa na entrada do instituto.
Xa sei que vós, que sodes moi listos e moi afeizoados á literatura, estades a pensar agora mesmo: “Un momento! Iso non era así! Eu teño escoitado ese poema con outro final!”. Pois claro que si! Nesa mesma mesa podes atopar tamén o poema de Bécquer que inspirou a Ángel González. E moitos máis.
Porque a poesía é todo iso: a amada de Bécquer (ou a nosa, ou o noso), unha paisaxe, un sentimento, o compromiso,  a beleza, a reivindicación, a reflexión sobre os mais variados temas,  pero tamén xogo, música, risa, comunicación, lingua... todo o que cabe no corazón, no pensamento e na imaxinación humanos.

Animémonos a descubrila!!

O día 21 de marzo non só celebramos a chegada da primavera. Os amantes da literatura temos un motivo mási de celebración, porque hoxe é o día escollido pola UNESCO para adicalo á Poesía. Para celebralo connosco, pide en conserxería papel e lapiseiros e copia ese poema , ese fragmento,  mesmo ese sinxelo verso que che emociona, che provoca, che intriga, ou que simplemente queres compartir co mundo porque si.  Escribe o teu nome por detrás e moi pronto entrarás no sorteo dunha sorpresa.

Aínda que a verdadeira sorpresa, non o esquezas, está agochada nos volumes que hai sobre a mesa. Aí hai un poema moi especial que está agardando que ti o atopes. Só tes que buscalo.

Recorda tamén que nos enlaces que aparecen á marxe deste blog hai varias páxinas adicadas á poesía: Palabra virtual, A media voz, e as versións musicadas por Vicente Monera.
..E, por suposto, encantaríanos que compartises connosco o teu poema preferido nos comentarios a esta entrada.